Identificarse



 

NOTICIAS

Estimado Sr Presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios,

En primeiro lugar quero agradecerlle a súa oferta de colaboración na tarefa de establecer o protocolo de vacinación entre os colexiados dependendo do tipo de actividade ou rango de idade e podemos asegurarlle que procederemos o antes posible á vacinación destas persoas sempre en función das doses dispoñibles e mantendo os criterios de priorización que se estableceron.

 

Tendo en conta que as primeiras vacinas fronte a COVID-19 están dispoñibles nunha cantidade moi limitada, que se irá aumentando progresivamente, é necesario establecer a orde de prioridade dos grupos de poboación a vacinar.

Para iso, desenvolveuse unha estratexia común para todas as CCAA, establecendo estas prioridades segundo un marco ético onde prevalecen os principios de igualdade e dignidade de dereitos, necesidade, equidade, protección á discapacidade e ao menor, beneficio social e reciprocidade, atendendo tamén ás normas legais de aplicación e ás recomendacións internacionais.

A orde de prioridade, estableceuse tras realizar unha avaliación en función de criterios que inclúen o risco de exposición, de transmisión e de enfermidade grave, así como o impacto socioeconómico da pandemia en cada grupo de poboación.

Nesta primeira etapa, con número de dose moi limitado, ofrecerase a vacinación de maneira priorizada ás persoas que se inclúen nos seguintes grupos de poboación:

1. Residentes e persoal sanitario e sociosanitario que traballa en residencias de persoas maiores
e de atención a grandes dependentes
2. Persoal de primeira liña no ámbito sanitario e sociosanitario
3. Outro persoal sanitario e sociosanitario
4. Persoas consideradas como grandes dependentes (grao III de dependencia, é dicir, con necesidade de intensas medidas de apoio) que non estean actualmente institucionalizadas.

A nosa capacidade de vacinación depende directamente do número de dose que imos recibindo e, como vostede xa coñecerá, non estamos a recibir o número de dose en principio comprometidas, o que fai que se teña que reducir o ritmo previsto de vacinación.

Agradecendo a súa comprensión, reciba un cordial saúdo.

Raquel Zubizarreta Alberdi
Subdirectora Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía

Santiago de Compostela, na data e hora da sinatura dixital